Illas Cíes

Cíes
Da Galipedia.

As Illas Cíes, chamadas no pasado Illas de Baiona forman un arquipélago situado na boca da ría de Vigo, pertencente ás Rías Baixas, na provincia de Pontevedra, Galiza. As illas pertencen ao concello de Vigo, aínda que eclesiasticamente pertencen á parroquia de Santiago de Cangas e Illas Cíes de Cangas. Foron declaradas parque natural en 1980, e están incluídas no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza creado o 1 de xullo de 2002. Son tamén unha zona especial de conservación (ZEC) e, polas importantes colonias de aves mariñas, contan coa declaración de Zona de Especial Protección para as Aves da Rede Natura 2000.

O arquipélago está formado por tres illas principais: a illa de Monteagudo (ou illa do Norte), a illa do Faro (ou illa do Medio) e a illa de San Martiño (ou illa do Sur), xunto a pequenos illotes como Boeiro ou Agoeiro, Viños, Carabelos e O Ruzo. As illas de Monteagudo e do Faro están unidas polo chamado Lago dos nenos e a praia de Rodas. Todas elas contan con 433 hectáreas terrestres de superficie, mentres que a superficie mariña protexida incluída no parque é de 2.658 hectáreas.

A illa de San Martiño ten unha extensión total de 146 hectáreas. Cunha lonxitude de norte a sur de 2,3 km e unha anchura aproximada dun quilómetro.

No ano 2007 o xornal británico The Guardian elixiu a praia de Rodas, na illa de Monteagudo, como a "praia máis fermosa do mundo". Amais das praias o seu grande atractivo son os seus cantís e os denominados niños de abellas e as cacholas (cavidades redondeadas producidas na superficie das rochas que acaban fusionándose dando lugar a ocos maiores).

Historia

Tense constancia da existencia dun poboado castrexo na aba do monte Faro, datado nos inicios da Idade de Ferro. Tamén se detecta a presenza romana, debido á aparición de cerámicas e as tégulas nun asentamento. Na idade media, existiu na illa do Norte o mosteiro de Santo Estevo e na illa do Sur o de San Martiño.

No século XVI desembarcan nas Cíes o corsario inglés Francis Drake e piratas berberiscos. As continúas invasións provocan o abandono das illas dende o 1700 ata o século XIX, cando se construíu o primeiro faro.

Na segunda década do século XX foron sede dunha factoría baleeira norueguesa. Foi unha zona fortemente afectada polo desastre do afundimento do petroleiro Prestige.

Actualmente, só os gardas forestais e un nativo permanecen na illa durante todo o ano.

Arquivo fotos visitas asociacións

Comentarios