Dolmen de Dombate

O dolmen de Dombate é un monumento megalítico situado no lugar de Dombate na parroquia de Borneiro (Cabana de Bergantiños), na comarca de Bergantiños. Construíuse na primeira metade do IV milenio a. C. e a cámara a finais dese mesmo milenio. Foi usado en diferentes épocas e evidenciouse un uso que vai dende o ano 3.800 a.C. ata o 2.700 a.C., momento no que se clausura o monumento. Este dolmen catalógase como unha tumba de corredor e é un dos conxuntos máis importantes de Galicia.
Segundo o experto Xosé María Bello Diéguez, a concentración de dolmens deste tipo na Costa da Morte puido deberse a que estaban relacionados coa riqueza cultural da zona, como na Idade Media estábano as catedrais
No século XIX o historiador Manuel Murguía xa escribe sobre o dolmen, e no ano 1885 o poeta Eduardo Pondal inmortalizouno nun poema en Queixumes dos pinos:

Pasado Vilaseco, lugar batido polo aire
no alto da costa de Uces de montesía canle;
pasado Vilaseco, indo pola Gandra adiante,
xa vía desde lonxe o dolmen de Dombate.
—Eduardo Pondal (1885)

Baixo o túmulo coñecido existiu un megálito anterior no tempo, de menor tamaño e complexidade,.

Os ortóstatos da cámara conteñen gravados. Todas as lousas, tanto na cámara como no corredor, contan con pintura. Esta distribúese en dous rexistros horizontais separados por unha banda vermella de puntos vermellos e negros, sendo o conxunto unha composición na que prima a xeometricidade (zigzag, bandas verticais e oblicuas, ondulados, retículas etc.). A cor vermella obtíñase a partir de óxido de ferro e a negra a partir de carbón vexetal, posiblemente aplicados sobre unha imprimación branca a partir de algún tipo de graxa mesturada con caolín.

Tamén se atoparon unha fileira de ídolos, vinte en total, colocados fronte ao corredor e no límite do túmulo e un notable enxoval lítico e cerámico.

No 2008 deuse por perdido o dolmen antigo, o cal era considerado por expertos, como Bello Diéguez, como a característica principal deste dolmen e o que o facía especial e diferente a outros moitos do mundo.

No 2011 completouse a cuberta que protexe ó dolmen da intemperie. O Centro Arqueolóxico foi inaugurado en marzo do 2011. No ano 2012 instalouse unha réplica da cámara no Centro de Recepción de Visitantes, xa que o acceso á orixinal está prohibido para evitar unha maior deterioración do monumento, e contén tódolos detalles do mesmo.

Mais fotos